Saturday 04 de May de 2024

A sala de exposicións de Lousame acolle ata finais de marzo a primeira parte da mostra “Nós-outras. Creadoras no Barbanza”


En abril exporase a segunda parte dunha mostra promovida por Barbantia e que pretende dar visibilidade ás creadoras da comarca
Máis de medio cento de veciños e veciñas asistiron na noite de onte venres á inauguración da exposición “Nós-Outras. Creadoras no Barbanza”, que reúne na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame unha parte das obras realizadas por unhas setenta creadoras da comarca e fotografadas pola fotoxornalista Carmela Queijeiro dentro dun proxecto promovido por Barbantia e a Fundación Museo de Artes. De feito, a sala de exposicións de Lousame quedou pequena para albergar esta mostra, de modo que ata finais de marzo poderá contemplarse a primeira parte, mentres que a segunda chegará a mediados de abril.

Así o explicou o presidente de Barbantia, Xesús Laíño, durante o acto de inauguración da exposición, precedido dunha pequena actuación dun cuarteto de vento da Banda de Música de Lousame. Laíño agradeceu tanto o traballo realizado polas creadoras como o apoio dos Concellos para que a mostra poida ser visitada pola veciñanza xa que “faise necesario dar visibilidade á creatividade e ao traballo das nosas creadoras”.

Un punto no que coincidiu a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen lembrou que en temas de igualdade “aínda queda moito por facer. Aquí temos mulleres creadoras pero tamén están a pe de rúa, no fogar. Son mulleres que teñen que inventar todos os días unha historia para que o seu filla coma, que teñen que inventarse para con 200 ou 300 euros dar de comer á familia, mulleres que tecían para vestir aos fillos… Hai moitas mulleres creadoras que nos sentimos representadas polas mulleres que hoxe expoñedes aquí”.

Finalmente, a mestra e escritora Pilar Sampedro salientou que “é importante que esta exposición se inaugure no mes de marzo, que xa é o Mes da Muller. A ver se algún día chegamos a que o sexan os 365 días e non teñamos que celebrar máis o Día da Muller”. Sampedro agradeceu a Barbantia por “dar visibilidade ás mulleres a través das súas creacións” e á fotoxornalista Carmela Queijeiro, presente na mostra tirando fotos, “polas fotos e por sacarlle a cada muller esas imaxes tan estupendas”.

“Nós-outras. Creadoras no Barbanza” é unha exposición organizada por Barbantia e a Fundación Museo de Artes, que contan coa colaboración do Concello de Lousame e da Deputación da Coruña. A primeira parte da exposición poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame ata finais de marzo. A segunda colocarase no mes de abril